Padrodado Fogar de Bergantiños

Candidatos

BUSCADOR: Por categoría:
Por nome:

Cantareiras de Berdillo

No seo dunha asociación preocupada e involucrada desde a súa fundación coa música e a cultura tradicionais –estamos a falar da Agrupación Cultural Arume de Verdillo, galardoada como Bergantiñán do Ano en 1989- naceu xusto un ano despois o grupo de Cantareiras, integrado por algunhas das compoñentes do coro infantil e da escola de pandeireta da Agrupación. Desde aquel momento, foise forxando pouco a pouco a identidade dun grupo pioneiro na comarca de Bergantiños, dedicándose á recuperación, conservación e difusión do patrimonio musical galego.
 Froito de todos estes anos de traballo, as Cantareiras levan colleitando premios e mencións, outorgándolles o recoñecemento e o respecto do público e dos compañeiros. Esa persistencia nótase en que despois de 25 anos, cinco das sete cantareiras que formaron parte do primeiro grupo, continúan aí contribuíndo a ese traballo de recuperación, difusión, e conservación do canto popular da nosa terra.
 Dun xeito ou doutro ao longo de todos este anos moitos mozos e mozas estiveron vinculados a ese ente musical, cultural e vital que son as Cantareiras de Verdillo. 
Pero neste momento de loubanza hai que traer á memoria ás súas primeiras profesoras, Gema Paz en baile tradicional –Carballesa do Ano tamén en 1989- e Dosinda Fuentes en canto e pandeireta. Desde 1999, Miro Regueira é o director artístico e musical do grupo.
  Nos anos 90 participaron nun traballo discográfico co grupo de gaiteiros carballés Albaroque, interpretando varias pezas cantadas con gaita, das que pervive aínda no recordo o pasodobre “pernas pra riba”, que durante uns anos foi a sintonía de peche do programa “Luar” da Televisión Galega.
 En 2005 editaron o cedé “Sospirei, botei un ai”, título que se refire a un fragmento dunha reflexión vital propia dunha época na que non había outro xeito para desafogar o mal de amores máis que cantar. O cedé e o espectáculo do mesmo nome representado polo Grupo de Baile e Música Tradicional Bilitroque –tamén de Arume- culminou no seu momento un traballo de 15 anos cantando e actuando, e ofrece unha escolma de cancións das catro provincias galegas. Estas cancións conformaban a parte musical dun proxecto etnomusical de dúas horas de duración que levaba o mesmo nome e que se representou en varios concellos da comarca de Bergantiños.
 Tamén teñen realizado numerosas actuacións, ben en solitario, ben acompañando aos grupos de baile tradicional da Agrupación Cultural Arume, en Galicia e en países coma Portugal, Francia, Holanda, ou Italia. Saíndose da música propiamente tradicional, teñen colaborado co grupo carballés de pop-rock “The Cerne” interpretando temas desde “The Police” ata “Guns N’ Roses”.
 O 27 de febrero do ano pasado, para conmemorar o 25 aniversario das Cantareiras de Verdillo, celebraron un emotivo concerto no Pazo da Cultura Carballés, no que participaron tanto en directo como a través de mensaxes gravadas, moitas das persoas e grupos que ao longo dun cuarto de século se teñen cruzado na vida musical das Cantareiras. Recordos, música, baile, anécdotas,… Foi unha noite inesquecible.
 Na actualidade, o Grupo de Cantareiras de Verdillo, ademáis de por cinco das súas fundadoras, Rocío García, Belén Mato, María Suárez, Marga Vázquez, e Cristina Añón, complétano novas voces e novas xeracións, como son Marga Varela, Soraya Cameán, Noelia Anido, e Tania Mato, que garanten que esa marabillosa música tradicional cantada permaneza viva nos nosos sentidos e no noso corazón, formando parte da nosa cultura e da nosa identidade.
   Como promotoras e defensoras dos altos valores musicais e tradicionais, recollendo o sentir popular desta comunidade, vimos en proclamalas CARBALLESAS DO ANO 2016.

Currículum

Edicións nas que foi nominado:

Edición Categoría Galardóns Foto do acto de entrega Descargas Méritos
carballés galardoado Empezaron sendo nenas, e despois de 25 anos continúan disfrutando, recuperando e transmitindo a nosa música tradicional cantada, baixo o amparo da Asociación Cultural Arume. Eixo fundamental da música popular en Carballo e na Comarca de Bergantiños

Video acto de entrega
  • Concello de Laracha
  • Concello de Cabana
  • Concello de Carballo
  • Concello de Coristanco
  • Concello de Laxe
  • Concello de Malpica
  • Concello de Ponteceso
  • Abertal Networks S.L.
Fundacion Luis Calvo Sanz